As desventuras dun monifate ceibe de fíos
Publicado: Agosto Arquivado en: Capítulo 1, Tempada I | Tags: -Fraga-, /nActor\, Actor, [Hoxe] Deixar un comentario »—Non digo que o fagas mal, mais poderías pronunciar os uves coa boca…
—Abaixo!
—Pero…
—Abaixo! Xa me tes chea, que te aturen os raposos da fraga.
—Non me podedes facer isto, mirade como vou, non sei onde estamos, como ides actuar sen min?
—Xa nos amañaremos, “vfai” tranquilo.
A ignominia é dolorosa abondo para que non caia no pánico por atoparme abandonado en ningures. Ata a cidade aínda queda un bo treito en coche, como para pensar en percorrer ese camiño a pé. Vou esperar un anaco a ver se pasa alguén que me poida achegar, seguro que os rapaces xa se están a arrepentir do impulso, o seu complexo de inferioridade e o irascible do seu carácter a miúdo teñen estas consecuencias; pero no fondo saben que non lles asiste a razón.
Perdín a conta do que levo a esperar aquí xa, tan bo era ese atallo que colleu Ramón, que non o ha de coñecer ninguén. Non me podo arriscar a seguir esperando ao pé do camiño, se me colle a noite vou estar en verdadeiros problemas. Algunha agrupación de casas ten que caer preto, podo ir por aló ou mesmo por acó, non se fale máis, collo este camiño que me queda máis a man.
Unha árbore no medio da cidade está ben, pero tantas xuntas satúranme o olfacto. Estaba empezando a pensar que esta era unha fraga virxe, pero non, parece que nesa gran rocha hai unha inscrición: “Está a piques de se internar en Denantes, trabucouse na encrucillada”, seica imos polo bo camiño, aínda que esta verea é angosta en exceso para ser a entrada a algures, ademais a maleza penetra salvaxe nela, non semella que transite xente con certa periodicidade. Quen sabe cantos tipos de bestas estarán a espreitar á beira do camiño.
Ummm, froita!
Publicado: Agosto Arquivado en: Capítulo 1, Tempada I | Tags: -Fraga-, /nActor\, Actor, Maro, [Hoxe] Deixar un comentario »Á fin unha ánima, por un carreiro que se incorpora á senda que estou a seguir, baixa un vello cunha cesta, voume acercar a lle preguntar se este é o camiño correcto para ir dar ao pobo.
—Desculpe señor.
—Que raio pasa? —xirouse— Hordiá! Un forasteiro!
—Si, poderíame dicir se vou ben por aquí para chegar á vila?
—Vas, oh, vas; vas ben de carallo! A que vila tes pensado ir?
—Segundo unha rocha de alí arriba, a Denantes.
—Pois si que es tan parvo como pareses… Si, seghe por aquí… seghe, seghe… —indicándome coa man que fose todo recto.
—Moi agradecido. Impórtalle que lle faga outra pregunta? —dixen tentando á sorte.
—Que cona vai mal no teu maxín pra pensar que non me importou a primeira? —contestou alporizado.
—Eeeh… ben, de calquera maneira, que é iso que leva na cesta? —a curiosidade foi máis forte ca o medo que me producía aquel ancián, descoñecía que eran aquelas bólas albas que levaba na canastra.
—Isto? Isto é risado, é unha froita d’eiquí, proba, rapás, cómese como se fose unha masá —o antipático vello debuxando un bondadoso sorriso.
—De verdade que me dá un? O certo é que teño algo de fame.
—Pois claro, fillo, ten, seghuro que non te viras noutra —replicou mentres mantiña ese ceno amable.
—Non, a verdade é que nin sabía da súa existencia.
—Pois veña, dálle unha boa dentada, na vida probaches bocado tal —achegándome un froito.
Trabei e mastiguei con ímpeto naquel exótico manxar, crocante e fresquiño. Ten un sabor peculiar, un tanto forte, a miña lingua… o xantar estáse a pór a mal co meu estómago… buuuu… buuuu…. buuuuuaaahhh!
—Foder! Aínda que vas vestido coma un maricallo, hai que recoñeser que tes collois. Manda cona, botarlle semellante trabada a un risado fresco… había moitos anos que non vía cousa tal! He, he!
Estiven axeonllado ata que terminei de botar o leite materno. Vai ter razón a pena, tirei cara o lado equivocado na encrucillada, como todo o mundo aquí sexa tan hospitalario coma o vello do demo que a saber por onde andará xa… Pero no meu estado, non penso poñerme a desandar costa arriba, baixo ata a vila e que sexa o que Deus queira.
E ti de quen ves sendo?
Publicado: Agosto Arquivado en: Capítulo 1, Tempada I | Tags: -Fraga-, /nActor\, Actor, Faxildo, [Hoxe] Deixar un comentario »Por detrás dun piñeiro, apareceu un home calvo e rexo andando de crequenas. Ao me ver, xirou a cabeza amosando un ceno curioso, achegouse onda min e sen mediar palabra, foime polas costas e comezou a cheirar con ímpeto o meu traseiro.
—Desculpe… Desculpe… DESCULPE!!! Pódese saber que raio anda a facer?!
—De que outra maneira podería saber de quen ves sendo?
—… —Non atinei a articular palabra.
—Seica andas moi lonx’ do teu foghar, nin es d’eiquí, nin tes parentes en Denantes.
—Contra! E eu que pensaba que andaba limpo e perfumado abondo…
—O home moderno e a súa ansia por ocultar a súa naturesa. Así vai o mundo!
Marchou correndo detrás dunha denociña que cruzaba a fraga naquel momento, perdéndose na espesura do bosque.
Contraataca o risado
Publicado: Agosto Arquivado en: Capítulo 1, Tempada I | Tags: -Fraga-, /nActor\, /Xuli\, Actor, [Hoxe] Deixar un comentario »Comezo a me sentir estraño, a polpa da tóxica froita que cría erradicada do organismo, sinto agora como bule pola miñas veas, a sensación de mareo abandonoume o estómago para se instalar no maxín. Todo está a acadar un aire irreal, as cores gañaran en contraste, os sons da natureza parecen proceder dunha paraxe distante e as árbores desta parte da fraga semellan adoptar un impropio comportamento vexetal: configuracións antropomorfas que escenifican as máis macabras escenas. As pólas dun espécime anobélanse contra “o pescozo” do veciño que mesmo parece ter un xesto de agonía por ser estrangulado; outra árbore, cunha “faciana” de xenreira, terma dun obxecto afiado (en realidade é un follaxe que está presente no extremo da galla aínda que o resto está núa) mentres á súa beira, hai un exemplar cunha ferida aberta da que emana recina; outros semellan desmembrados; aqueles…
Un episodio de pánico percórreme o espiñazo, darei saído algunha vez deste monte? Dende as pólas, brazos e dedos deses entes arbóreos, os paxaros parecen estar a chamar por min, tentando me seducir para que quede compartindo con eles esta clorofílica gaiola. Móvome por pura inercia, apenas sinto xa os pés… que demo está a pasar? Como é posible? A onde vin dar? De costas, axexando tras un piñeiro, hai un rapaz de raza negra. Esfrago con forza nos ollos esperando que as visións abandonen o meu caletre, despois de retirar as mans, non son capaz de definir os contornos de inmediato, vanse debuxando devagar, a imaxe por fin se amosa con total nitidez: segue aí!
Achégome con tento, dentro das limitacións da miña actual situación. Acaba de se decatar da miña presenza. Ergo os brazos coas palmas estendidas, facéndolle entender que non son unha presenza hostil.
—OLA! ENTENDER MIN?
—Unga-lunga? —foi a súa resposta con cara de estrañeza.
—FALAR MEU IDIOMA? —golpeando o peito coa palma da man ao pronunciar o “meu”.
Axítase un gamallo ao fondo e o rapaz —vale, a miña alucinación— bota a correr nesa dirección, ten unha zancada potente ao tempo que elegante. Sempre temín morrer dunha maneira estúpida, pero finar envelenado pola inxestión dun froito subministrado por unha persoa maior, debeulle acontecer con anterioridade só a Brancaneves.
Reflexiva escuridade
Publicado: Xullo Arquivado en: Capítulo 2, Tempada I | Tags: -Fraga-, /nPlinio\, Plinio, [Hoxe] Deixar un comentario »Observar Denantes de madrugada dende o alto da gran pena, é un dos exercicios de comuñón coa natureza que a un lle gusta practicar de cando en vez. O novilunio dá unha noite escura, so os astrais fachos en procesión, unha fraga que por máis que o sol se deitase, dista de permanecer durminte. Todo é diferente, os contornos apenas se definen durante unha ducia de cuartas, as tebras pousan baixas, Denantes deixa de estar aí, o mundo volve ser das bestas, a amalgama de sons é dificilmente descritible, por veces arrepían, por veces chaman a unha calma que invita ao abandono. Só se adiviña civilización nun distante e tenue, case imperceptible, tintinar. A luz procede das candeas, comitiva luminosa da derradeira xornada corpórea de Candeloria onda os vivos. Pregúntome se alí, nese minúsculo punto da inmensa noite, Ela tamén permanece en vixilia fronte á xanela, a esculcar o seu interior na fonda negrura exterior.








